Cal pode ser a causa destas potentes borrascas?

Onte deixabamos no aire a pregunta de porqué o aire está tan frío en Norteamérica, propiciando que as borrascas teñan un desenvolvemento tan explosivo. Adiantaba que a resposta podémola atopar no Pacífico e tamén no comportamento da estratosfera. Onte estivo por MeteoGalicia o equipo que fai o espacio ‘Historias do Tempo’ no que colaboro con frecuencia e grabamos unha peza explicando a influencia do Pacífico. Esencialmente se trata de anomalías na temperatura superficial desde océano que propician unha ondulación da corrente en chorro que levan da man as masas de aire frío cara Norteamérica. Pero creo que queda ben explicado no vídeo, polo que vos paso a ligazón.

http://www.vtelevision.es/informativos/historiasdeltiempo/2014/02/13/0031_62_202051.htm

Saúdos e boa fin de semana.
Juan Taboada

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

A fábrica das borrascas

Tal como comentabamos na anterior entrada, a ‘fábrica’ das borrascas que nos afectan neste inverno sitúase na costa leste de Norteamérica.

Tal como se pode apreciar na imaxe, temos unha corrente, coñecida como corrente en chorro (jet stream en inglés) que separa as masas de aire polar e subtropical e que move esas borrascas. Este inverno, debido ao desprazamento de aire moi frío cara ao leste de Canadá e os EEUU, o contraste destas masas de aire foi superior ao normal, xa que a masa de aire frío estaba máis fría do normal por ese desprazamento. Pero é que ademáis o Atlántico subtropical está tamén algo máis quente do normal, polo que a masa de aire cálido ten tamén unha temperatura superior á normal nesta época do ano. Como temos moita diferencia de temperatura a enerxía que poden extraer as borrascas e máis alta e isto fai que se profunden moi rápidamente. Se unha borrasca perde máis de 20-24 mb en 24 horas pódese dicir que ten un desenvolvemento explosivo e isto está pasando nesa zona con moita frecuencia neste inverno.
Polo tanto temos un primeiro ingrediente explicado. Sabemos onde se forman as borrascas (costa leste dos EEUU) e porque se afondan moi rápido (moita diferencia de temperatura entre as masas de orixe polar e as de orixe subtropical). Agora quédanos por saber porqué nos están afectando tan de cheo. Para iso é necesario ter en conta a traxectoria da corrente en chorro. Este ano está sendo moi zonal, é dicir, está seguindo os paralelos e iso fai que as borrascas se movan rápidamente cara a parte oriental do Atlántico, que é onde nós vivimos. Polo tanto completamos a explicación. Xa sabemos onde se forman as borrascas, porqué se  con tanta rápidez e porqué afectan a Galicia e tamén ao Reino Unido con tanta forza.
De tódolos xeitos a meteoroloxía e o clima son auténticos crebacabezas e cada resposta nos leva a unha nova pregunta. Neste caso teríamos que preguntarnos porqué esas olas de frío no leste de Norteamérica e porqué a corrente en chorro está tan zonal no Atlántico. O deixo para a seguinte entrada, pero veremos que compre buscar na estratosfera e nas augas do Pacífico, ben lonxe polo tanto de Galicia.
Para rematar esta entrada sabede que mañá venres chegará outra borrasca, que tivo un desenvolvemento explosivo durante a xornada de hoxe xoves, perdendo máis de 40 mb en 24 horas. A nos afectaranos como borrasca madura, pero con 955 mb e situada no entorno de Irlanda, deixará un temporal de vento, con refachos superiores aos 100 km/h en moitos puntos de Galicia principalmente durante a mañá. As chuvias serán significativas sobre todo pola tarde, así que tede coidado.
Saúdos,
Juan Taboada

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Inverno extremo en Galicia.

Este inverno está a ser en xeral moi movido e bastante duro en Galicia, tanto no mar como en terra. Para os meteorólogos sempre resulta difícil cualificar unha situación como extrema ou excepcional xa que case sempre é posible atopar algún precedente dunha situación en concreto. Porén, neste caso o que está fora de calquera índice é a concatenación das situacións. Así por exemplo o número de alertas vermellas das que tivemos que avisar nos últimos dous meses (7 episodios) éstá moi lonxe do normal. O sistema meteoalerta está específicamente diseñado para que as alertas vermellas non aparezan máis que unha ou dúas veces ao ano. Dese xeito teñen a virtude de advertir dunha situación que se sae moito da norma e polo tanto é moi peligrosa.
En canto ás razóns do que está acontecendo a principal é o contraste entre o aire moi frío que ven de Canada e os EEUU, se estende polo Atlántico e atopa ao aire máis cálido asociado ao anticiclón dos Azores. As borrascas que nos afectan durante o inverno collen a súa enerxía desas diferencias de temperatura e polo tanto este ano teñen máis potencial enerxético, polo que se profundizan moito e chegan a nosa zona con pouca presión, o que fai que os ventos sexan fortes tanto en terra como no mar. En terra deixan temporais de vento e no mar levantan ondas que chegan ao noso litoral con alturas moi destacadas.
De tódolos xeitos, tamén hai que dicir que a atmosfera é un sistema moi complexo e que posiblemente haberá máis causas que están detrás de todos estes fenómenos extremos.
Entre alerta e alerta tentarei ir escribindo máis cousas sobre este inverno tan interesante e extremo ao mesmo tempo.
Saúdos,
Juan Taboada
MeteoGalicia Sigue lendo

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Primavera fría

Esta semana vivimos en Galicia un episodio de tempo invernal, principalmente o martes e o mércores, con chuvias xeneralizadas e unha importante baixada de temperatura que deixou incluso neve nas áreas de montaña de Lugo e Ourense. Os datos preliminares indican que o mes de maio foi o máis frío en Galicia dende 1984, e que non temos moitos precedentes dende 1961. Así que será un dos meses de Maio máis fríos dos derradeiros 50 anos. Se tomamos o trimestre Marzo-Abril-Maio a situación non é tan chamativa, dado que nos anos 70 tivemos primaveras máis frías que esta. Pero de tódolos xeitos o precedente máis cercano o temos no ano 1986, de xeito que sería a primavera máis fría dos derradeiros 25 anos.

Na seguinte figura podemos ver as anomalías de temperatura en media para toda Galicia dende 1961.

Vemos como nos anos 70 e tamén na primeira metade dos 80 tivemos primaveras moi semellantes a esta, pero por mor do cambio climático os derradeiros 25 anos tivemos primaveras máis cálidas.

A razón desta anomalía en particular atopámola no feito de que en marzo tivemos varias incursións de aire frío e húmido, ocasionando incluso algunhas alertas de neve. Abril foi bastante normal, incluso con unha segunda quincena cálida, pero maio tivo temperaturas bastante máis baixas cá media. O problema de Maio foi que a presenza de aire frío nas capas medias e altas da atmosfera ao norte da península Ibérica non permitiu que o anticiclón se instalase nesa zona. É precisamente cando está situado nesa área cando nos envía aire cálido e as temperaturas poden ascender con forza. Unha posible razón desta anomalía fría pode ser a anómala circulación ocasionada polo intenso desxeo no Ártico a finais do verán, tal como comentamos xa nunha anterior entrada.

Por último dicir que os prognósticos indica que as altas presións si se localizarán sobre as illas Británicas a partir do domingo, polo que no comezo da vindeira semana teremos sol e por fin chegarán as altas temperaturas a Galicia. Superaremos os 30ºC en puntos do interior e os 25ºC en xeral.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Como será o verán en Galicia?

A raíz da publicación dun artigo na web da Voz de Galicia e varias preguntas que nos fan en MeteoGalicia nas últimas semanas coido que é necesario facer un apuntamento sobre os prognósticos estacionais. Con carácter xeral a súa fiabilidade é relativamente baixa debido a que nas latitudes medias, onde se sitúa a península Ibérica, a dinámica da atmosfera é moi rápida e cambiante. Por outra banda en xeral a atmosfera ten unha natureza caótica, na que as variacións poden ser bruscas, e pequenos efectos poden dar lugar a cambios intensos. Nos lugares onde a dinámica da atmosfera é lento, como os trópicos, os océanos que teñen unha dinámica máis lenta e máis previsible, danlle unha certa predictabilidade a atmosfera. É por iso que fenómenos tales como El Niño por exemplo, sí poden ser previstos con certa anticicipación, pero iso non sucede nas latitudes medias.

Polo tanto o prognóstico do canal francés citado pola Voz de Galicia debe ser tomado con precaución. É verdade que a superficie do Atlántico está algo máis fría do habitual nestas datas fronte da costa europea, tal como se aprecia nesta imaxe de satélite:

Pero tendo en conta esta rápida dinámica da atmosfera nas nosas latitudes, estas baixas temperaturas non necesariamente terán un reflexo nas temperaturas da atmosfera, aínda que é certo que en todo caso non axudarán a que teñamos altas temperaturas.

Eu acabo de consultar tamén os prognósticos da oficina meteorolóxica inglesa e van na mesma liña que os franceses.

Podedes ver na figura inferior, que as probabilidades de ter temperaturas por debaixo do normal nos meses de Xuño, Xullo e Agosto están entre o 60 e o 80%.

De tódolos xeitos recordade que a fiabilidade non é moi alta, que o clima é como un crebacabezas no que tódalas pezas contan é que podemos ter aínda sorpresas. Haberá que seguir un pouco a evolución da atmosfera nos seguintes 15 días.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario