Tempo e clima

Comezamos o noso meteodiccionario con dous termos básicos de uso moi frecuente, pero que compre separar o máis claramente posible, como son os de tempo (meteoroloxía) e clima.

Así, o obxecto de estudo da meteoroloxía poderíamolo definir como a caracterización do estado da atmosfera nun determinado lugar e momento. Polo tanto se queremos coñecer o tempo que teremos nas vindeiras horas necesitaremos coñocer as condicións meteorolóxicas, pero non as climatolóxicas.

O clima refírese ó estado do tempo ó longo dun determinado período de tempo, expresado nornalmente en termos de media e variabilidade. Este período de tempo ten que ser o suficientemente longo para capturar a meirande parte da variabilidade natural, polo que a Organización Meteorolóxica Mundial ten establecido que o período mínimo para establecer o clima dun determinado lugar debe ser de 30 anos. Normalmente estes períodos abarcan décadas completas, de xeito que a comparación entre diferentes puntos pode facerse dun xeito máis doado. Un xeito de representar o clima é mediante os climogramas, tal como o que se inclúe na figura.

Climograma de Santigo de Compostela

A diferente escala temporal da meteoroloxía e o clima ten varias implicacións. Unha delas é que a meteoroloxía depende fundamentalmente da atmosfera, mentres que o clima virá determinado pola interacción de diferentes sistemas, tales como a propia atmosfera, pero tamén a hidrosfera (océanos), litosfera (superficie da terra), biosfera e criosfera. Os 4 últimos sistemas teñen unha dinámica ‘lenta’ e polo tanto terán pouca influencia na variacións diarias da meteoroloxía.

A nivel educacional penso que é moi importante insistir en que as escalas de tempo propias do clima son as decadais e polo tanto teremos que manexar esas mesmas escalas para estudar o cambio climático. Esto fai que preguntar se un determinado evento meteorolóxico está ou non relacionado co cambio climático non teña moi sentido. Posto que o clima é estadística, haberá que estudar series longas e ver se cambian as medias ou a variabilidade.

Saúdos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Meteodiccionario. Garda o enlace permanente.