Mar de Fondo

Dende MeteoGalicia acabamos de emitir un parte especial de fenómeno meteorolóxico adverso por mar de fondo. Noutro momento poderemos ver cando e como se emiten estes avisos especiais, pero agora quero aproveitar a circunstancia para explicar este concepto.

Os ventos transmítenlle enerxía ó mar ocasionando a aparición de ondas. Canto máis intensidade de vento e máis tempo ou espacio acaden os fortes ventos, maior altura das ondas. Este proceso non é infinito senon que se chega  a un punto de equilibrio e para unha intensidade de vento dada teremos o que chamamos un mar completamente desenvolvido.

Pero, ¿que pasa cando este vento deixa de soprar, ou alternativamente cando as ondas se desprazan fora do área no que sopran os ventos? Pois que nese momento as ondas convírtense en mar de fondo. Este mar ten a característica de que é moi previsible e a súa lonxitude de onda é larga (as ondas chegan bastante espaciadas).

A situación sinóptica que provoca esta situación para os vindeiros días é a seguinte:

Situación sinóptica de hoxe

Pódese ver claramente o pechado pasillo de isobaras que temos dende Groenlandia prácticamente ata Galicia. En todo ese área os ventos sopran con moita forza e impulsan ondas que chegan en forma de mar de fondo cara ó noso litoral. A esta situación temos que engadirlle que polo noso litoral tamén os ventos serán intensos e eses ventos producirán ondas por riba destas de mar de fondo. Deixovos un vídeo sobre o maior temporal de mar de fondo que vivimos en Galicia nos últimos anos. Sucedeu o 11 de marzo do 2008. Pode verse como unha onda entrou no paseo marítimo de A Coruña.


Neste caso a máxima altura das ondas rexistradas foi de 12.7 metros nunha boia situada a 20 millas naúticas de Cabo Vilán. Neste episodio o noso prognóstico é que as máximas ondas quedarán en torno ós 8 metros ou algo por debaixo.

Unha última consideración sobre estas ondas é que non necesariamente teñen que suceder con mal tempo. Son posibles situacións anticiclónicas, de tempo soleado e que a presenza dunha borrasca no Atlántico norte teña producidos grandes ondas que cheguen ó noso litoral en forma de mar de fondo. É por isto que se vamos a realizar calquera actividade preto do mar debemos coñecer sempre o prognóstico meteorolóxico.

Saúdos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Meteodiccionario, Vídeos e etiquetada , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta