Fenómenos extremos (I): Tornados

Como esta fin de semana está resultando bastante tranquila en canto ao tempo pensaba escribir sobre un fenómeno que en Galicia non se rexistra prácticamente nunca, que é a chuvia enxelante. Pero antes pedíronme que dera algúns datos sobre os tornados. Antes que nada vos recordo que temos unha anterior entrada no blogue onde podedes atopar información. Daquela comentáramos que para que se produza un tornado é necesaria a existencia de moita inestabilidade e que este tipo de fenómenos son bastante comúns nas grandes chairas do medio oeste dos EEUU, onde o aire frío procedente das Montañas Rocosas pode xuntarse con aire máis quente e húmido que ven do Golfo do Méjico. Esta é unha situación bastante típica en primavera. Deixovos un vídeo onde se explica moi ben o fenómeno. Lamentablemente está en inglés, pero aínda que non entendades o audio fixádevos no esquema.


No vídeo podedes ver como os tornados comezan cunha tormenta particularmente severa que se coñece como supercelda, que esencialmente é unha nube de tormenta que leva no seu interior un área na que o aire ascende rotando, o que orixina o que se coñece como mesociclón, que sería como unha borrasca moi pequeniña no interior da tormenta. Pois ven ese movemento rotatorio no interior da nube é o que pode ocasionar a aparición do tornado.

De tódolos xeitos compre insistir en que non son fenómenos completamente coñecidos e caracterizados debido á dificultade de medición que presentan.  A continuación inclúo unha imaxe do que sería un tornado típico:

 

tor_formation_lg1.jpg

Nesa figura podedes apreciar unha das características que se poden utilizar para saber si realmente un determinado fenómeno foi ou non un tornado. Esta característica é a de que no momento no que se sufre un tornado non chove. Fixádevos que a chuvia nesa figura está á dereita do tornado. Este último está asociado ó centro do mesociclón, e polo tanto pode ter chovido un ou dous minutos antes, pero non ó mesmo tempo.

En fin, espero que estas dúas entradas vos axuden a entender un pouco máis estes fenómenos.

Saúdos,

Juan Taboada

 

Esta entrada foi publicada en Para saber máis, Vídeos. Garda o enlace permanente.