Cambio de tempo para o xoves

Remata o período anticiclónico (relativamente curto) que disfrutamos nas últimas 48 horas. O xoves, día 4, caeremos novamente baixo a influencia dunha borrasca Atlántica, que se situará ó oeste de Irlanda, cunha fronte fría asociada que atravesará Galicia a partir do mediodía. No entanto, mañá mércores a borrasca que nestas derradeiras 48 horas fixo tanto dano nas Canarias, achegarase cara a península Ibérica, pero moito máis debilitada e collerá a Galicia no límite do seu radio de ación, de forma que teremos mañá un aumento das nubes e posiblemente algunhas chuvias febles pola tarde en puntos de Ourense e Pontevedra. Esta chegada de nubes fará que esta vindeira madrugada non sexa tan fría como as dúas anteriores, pero cando realmente notaremos o ascenso das mínimas será na xornada do xoves, cando os ventos do sudoeste e as nubes deixen temperaturas moi suaves de madrugada.

A continuación podedes ver o prognóstico previsto para o vindeiro xoves ó mediodía, con dúas frontes frías pasando de forma consecutiva.

metoffice1.JPG

Así pois será interesante novamente facer a comparación das temperaturas mínimas durante toda a semana e preguntarse o que sucedeu, o efecto dos ceos despexados/cubertos e os ventos en calma/intensos. Tamén poderemos ver o venres a cantidade de chuvia recollida. Xa que se trata de frontes frías agardamos chuvia intensa a partir do mediodía, polo que a cantidade debería ser considerable, principalmente en Pontevedra e o sur de A Coruña. É moi posible tamén a aparición de fenómenos treboentos asociados a estas frontes, debido ó brusco do cambio de tempo.

Antes de rematar gustaríame aclarar que a borrasca que afectou ás Canarias non foi, na miña opinión, unha treboada tropical, senon unha borrasca extratropical (das que se ‘alimentan’ do aire frío en altura), aínda que se foi en certa forma transformando, xa que colleu aire cálido pola base, o que fixo que a súa actividade aumentase moito.

Saúdos,

Juan Taboada

 

Esta entrada foi publicada en Meteoescolas, Prognóstico. Garda o enlace permanente.

2 Responses to Cambio de tempo para o xoves

  1. pica di:

    Boas tardes:
    Somos alumnos do Colexio Santa María do Mar e estamos a facer un traballo de investigación dirixida acerca das inundacións en Galicia e gustaríanos saber se nos podería recomendar algún lugar onde poder informarnos sobre algún caso concreto sobre o que haxa polémica.

    Un saludo.

  2. meteoroloxia di:

    Hola,
    Sobre casos de inundacións que resulten interesantes, podedes investigar sobre as que houbo en Outubro-Novembro do 2006. Foi o outono seguinte á vaga de incendios do mes de agosto. As inundacións comezaran por Cee en Outubro e se foran estendendo logo por máis puntos das Rías Baixas en Novembro, afectando con moita forza a zonas de Baiona (Sabarís) e nomeadamente ó area de Vilagarcía.
    O interesante deste caso é que se xunta o feito de que os incendios previos fan que o efecto das chuvias aumente, posto que non existe a vexetación que podería reter parte da auga e que o urbanismo dalgúns puntos quizá non foi respetuoso con entorno. Ademáis loxícamente as chuvias foron intensas. Polo tanto hai podedes ter un episodo interesante. Poderíades empezar por buscar informacións sobre o episodio do 27 de noviembro do 2006.
    Saúdos,
    Juan Taboada

Deixa unha resposta