Día Meteorolóxico Mundial

Como xa saberedes, hoxe, día 23 de Marzo é o día meteorolóxico mundial. Esta data recorda o día no que  entrou en vigor o convenio que creou a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM ou WMO polas siglas en inglés) baixo os auspicios da ONU.  Esta organización tivo un precendente na Organización Meteorolóxica Internacional (OMI) que fora creada en 1873. Cada ano a celebración ten un lema diferente. O de este ano é: “Sesenta anos ó servicio da seguridade e benestar de todos”, e permítenos botar unha ollada cara atrás e ver todo o que avanzou a nosa ciencia dende a II Guerra Mundial.

Hai dous avances que eu destacaría por riba de outros. O primeiro sería a tecnoloxía de satélites. Os primeiros satélites meteorolóxicos lanzáronse nos anos 60 e o primeiro da serie Meteosat data de 1977. Nunha área do mundo tal como Galicia, no que a meirande parte das influencias meteorolóxicas veñen do océano, o dispor dunha ferramenta de vixiancia constante é algo prácticamente insustituíble. Eu persoalmente xa non sabería vivir sen o Meteosat. Agora estamos xa na segunda xeración de satélites e estase a deseñar a terceira, cada vez con máis resolución, tanto para ver estructuras máis pequenas, como para distinguir máis frecuencias no espectro electromagnético, cada unha das cuales nos dará diferente información.

satesmet.jpg

Na anterior figura podedes ver os satélites en órbita xeoestacionaria, que na actualidade nos permiten ter unha vixiancia contínua do que sucede en calquera parte do globo. Vedes que esta órbita sitúase a caseque 36000 km, unha distancia considerable, pero necesaria para que a velocidade orbital coincida coa rotación da terra, e polo tanto o seguimento dunha determinada área poida ser verdadeiramente contínuo.

Outro avance espectacular foi o das tecnoloxías da comunicación e cálculo. Estes avances fan que a día de hoxe poidamos ter datos de calquera parte do mundo de forma simultánea, que nos permiten alimentar modelos, que a súa vez nos proporcionan rápidamente análisis das situacións e posibles evolucións, aproveitando os cada vez máis rápidos ordenadores. Nomeadamente en Galicia dispoñemos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no que Meteogalicia executa diariamente os seus modelos.

Non quero rematar esta entrada sen reflexionar sobre algo importante na historia da meteoroloxía. Trátase de que incluso nos peores momentos da Guerra Fría, os contactos entre os dous bloques no campo da investigación meteorolóxica e xeofísica en xeral mantivéronse por riba das diferencias políticas, sendo unha das principais canles de comunicación a existencia da WMO. Así que o feito de que a atmosfera non coñeza fronteiras seguro que tivo a súa importancia na recente historia do mundo.

Dentro da historia máis local referida a Galicia, este ano facemos 10 anos dende a creación de MeteoGalicia, así que tamén temos motivos para celebrar.

Saúdos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Para saber máis. Garda o enlace permanente.

2 Responses to Día Meteorolóxico Mundial

  1. pica di:

    Boas tardes.
    Xa deixáramos outro comentario acerca das inundacións en Galicia. Gustaríanos saber máis sobre o caso de Cee e se sería posible que nos dixese algún dato das causas das inundacións, ou algún lugar ou persoa que saiba do tema para informarnos.
    Grazas e un saúdo.

  2. meteoroloxia di:

    As inundacións en Cee ocurriron o día 2 de outubro do 2006. Daquela a estación máis cercana que tiñamos en MeteoGalicia, situada no concello de Santa Comba rexistrara unha cantidade de chuvia de 96 l/m2, unha cantidade realmente elevada, con picos de máis de 20 l/m2 en media hora. É unha chuvia, tanto en intensidade como en acumulación realmente elevada. Outras posibles causas foron os incendios que sucederan no verano anterior e os recheos na Ría que posiblemente empeoraron a situación. Se tedes acceso á hemeroteca da Voz de Galicia, durante os días seguintes publicáranse informacións interesantes, e incluso creo recordar unha comparación con fotos do pasado e o presente de Cee, onde se apreciaba en parte a invasión da ría.

Deixa unha resposta