¿Por qué estivo a auga do mar tan fría durante o verán?

Na anterior entrada, facendo o balance do verán, diciamos que entre mediados de xullo e finais de agosto o tempo foi realmente estable, con predominio de ceos despexados e temperaturas entre normais e altas. Pero houbo outro meteoro que non mencionamos pero que tamén tivo a súa importancia, e foi o vento. Durante ese período veraniego a situación foi semellante á que vos amoso e que pertence ó 8 de agosto.

rtavn00120100808.jpg

Como vedes  Galicia estaba emparedada entre as altas presións do noroeste de Fisterra e a baixa térmica do norte de África. Esta configuración lóxicamente deixa ventos do nordés que sobre todo durante as tardes gañaban intensidade a medida que a baixa térmica se profundizaba. Toda esta explicación serve de preámbulo posto que son estes ventos do nordés os responsables das baixas temperaturas da auga do mar, debido a un proceso coñecido como afloramento. Esencialmente os ventos do nordés impulsan a auga superficial cara a mar aberto e por pura continuidad este auga é substituida por auga que está debaixo (sub-superficial). Como as augas canto máis frías máis pesan, na columna de auga atoparemos augas máis frías a medida que descendamos na columna. Polo tanto estas augas que afloran estarán sempre máis frías que as que marcharon. Na seguinte figura podedes apreciar o proceso:

figure-02-27a.jpg

O vento sopla paralelo á costa,  a capa superficial cálida marcha cara augas abertas e afloran augas máis profundas e frías. Compre dicir que aínda que resulta un pouco inconveniente cando estamos na praia, este proceso é vital para o litoral galego posto que estas augas aportan moitos nutrientes e polo tanto son unha fonte primordial para a grande productividade primaria da costa galega. Polo tanto dúas ensinanzas fundamentais:

– Cando faga un tempo moi estable pero sopre ou teña soprado nos días anteriores ventos do norte, pensade que o normal é atopar a auga moi fría (sempre poderemos atopar algunha praia máis recollida onde este afloramento non se produza con tanta intensidade. Se alguén coñece algunha destas áreas sería interesante para nós en MeteoGalicia coñecelo).

– Nese momento é mellor tomalo polo lado bó e pensar nos peixes e mariscos exquisitos dos que podemos gozar en Galicia.

Por último, pero non por elo menos importante. Este fenómeno non traballa ( ou o fai con moita menos intensidade) no litoral de Lugo, posto que o vento vai contra a costa e non paralelo á mesma. Polo tanto en condicións de afloramento a auga no Cantábrico estará varios graos por riba do resto da do resto do litoral galego.

Saúdos,

Juan Taboada

 

 

 

Esta entrada foi publicada en General. Garda o enlace permanente.