Cota de neve

Escribo esta entrada dende MeteoGalicia cando se empezan a ver copos de neve sobre Santiago pero que aínda non chegan a caiar. Veremos o que sucede durante a tarde, cando agardamos precipitacións algo máis intensas. O motivo desta entrada é comentar un punto específico do prognóstico que ocasionou certa discusión e polémica. Trátase da cota de neve. Nos tiñamos para hoxe unha cota de neve de 300 metros e no texto escribimos 200-300 metros. Compre dicir que non existe unha forma unívoca de calcular esta cota e polo tanto se utilizan parámetros como as temperaturas da columna do aire para tentar aproximarse o máximo posible a esta cota. Logo está o tema da definición precisa de cota de neve. Nos definimos esta cota como a altura por riba da cual a neve se queda no chan. Evidentemente por debaixo desa altura poden verse folerpas que non cheguen a caiar.

A continuación vos inclúo a cota de neve calculada de dous xeitos diferentes para o mediodía de hoxe.

wrf_arw_d03_weasd4_06h_sfc_f012.jpg

wrf_arw_d03_weasd_06h_sfc_f012.jpg

Como vedes nunha delas a cota está practicamente a nivel do mar, mentres que na outra estaríamos en torno a 400-500 metros. Polo tanto ás veces non é fácil dar unha resposta definitiva e concluinte á pregunta de si a neve pode caer en determinados puntos, como pode ser neste episodio o caso de Santiago de Compostela e non queda máis remedio que dicir que existe ese risco e esperar ó que suceda.

Saudos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Meteodiccionario. Garda o enlace permanente.