Balance meteorolóxico do 2010

Acabamos de comezar o ano 2011 con bastante movemento da atmosfera, particularmente entre os días 5 e 8 de xaneiro cunha borrasca que nos deixaba importantes cantidades de precipitación en toda Galicia e moitos problemas debidos á persistencia da borrasca que en moitos puntos deixaba 4 días seguidos de chuvia, por momentos bastante torrenciais. O rexistro máis chamativo o tivemos nas primeiras horas da mañá do día 5, cando en Lourizán chegamos a acumular 41 l/m2 soamente en unha hora. De tódolos xeitos hai que dicir que neste caso trátase dunha borrasca relativamente normal formada ó norte das Illas dos Azores, onde nesta época do ano está situada a división entre o aire máis frío dos polos e o máis cálido das áreas subtropicais. A corrente en chorro, que nestos primeiros días do ano volveu adoptar unha forma máis habitual, moveu a borrasca dende esa posición cara Irlanda, e como se trataba dunha borrasca grande e profunda foi afectando a Galicia durante todo ese desprazamento e enviando frontes de chuvia moi activas. Na seguinte figura podedes ver a borrasca no seu momento de máxima afectación a Galicia a primeira hora do día 6.

rtavn00120110106.jpg

Pero o motivo deste post e facer un somero de balance do ano en Galicia. Dende un punto de vista meteorolóxico resultou bastante movido. Porén, os valores promedios non se alonxan moito dun ano normal. En canto a chuvias, en xeral tivemos un ano algo máis seco do esperado en Pontevedra e A Coruña e máis chuvioso en Ourense e Lugo. De tódolos xeitos a cantidade acumulada segue sendo moi superior no oeste  ca no leste, pero a diferencia non foi tan grande como en anos anteriores. No tocante ás temperaturas, en xeral neste caso a diferencia sería norte-sur, cun ano frío no norte e algo máis cálido no sur, sempre comparando contra a media.

Por outra banda hoxe recóllese na prensa que o ano 2010 a nivel global podería ser considerado o máis cálido dende 1880 no que comeza a serie histórica da NOAA, nos Estados Unidos. É necesario facer dúas consideracións ó respeito. En primeiro lugar aínda deberíamos esperar outras valoracións de centros, como o Hadley inglés ou a máis definitiva da Organización Meteorolóxica Mundial para saber definitivamente o posto que ocupará na serie histórica. Segundo a NOAA o 2010 podería ter a consideración de ano máis cálido, empatado co 2005, pero sempre hai que considerar as medidas cun certo erro polo que, a pesares de que peridísticamente sexa impactante o titular de ‘ano máis  cálido’ penso que non ten maior importancia si é o primeiro ou o non o é. Se cadra é máis significativo que a década que vimos de rematar é sen dúbida a máis cálida destes rexistros ou que o 2010 sería o trixésimo cuarto consecutivo con temperaturas superiores á media do século XX. De forma que unha vez máis se confirma que as temperaturas promedio a nivel global están subindo, aínda que os meteorólogos e climatólogos estamos agora máis preocupados por saber se as anomalías dentro do propio ano continuarán a producirse, ou a circulación xeral volverá a un estado máis tranquilo. Polo de agora en Galicia a cousa está calmada, pero non temos máis que ampliar o foco e veremos como a natureza segue en certa forma bastante desatada. No seguinte mapa podedes ver as anomalías de temperatura a nivel mundial que nos axudan a ver o mundo dun xeito pouco parroquiano. Aínda que en Galicia non houbo anomalías considerables de temperatura, en outras áreas, particularmente Canada, Rusia e zonas de África o ano foi moi cálido e iso levou a que o ano globalmente tamén o fose.

map-blended-mntp-201001-201012.jpg

Nesta outra ligazón podedes ver os fenómenos meteorolóxicamente máis destacados a nivel mundial no ano 2010, entre os que se inclúe na nosa rexión o paso da cicloxénese Xynthia.

Saúdos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en General, Hemeroteca, Para saber máis. Garda o enlace permanente.