Fenómenos extremos da semana

Nesta semana tivemos ocasión de ver dous fenómenos extremos practicamente coincidentes no tempo. Por un lado a chegada do furacán Yasi de categoría 5 ó estado de Queensland no noroeste de Australia e por outro lado a tormenta de neve que asolou boa parte do centro e medio oeste dos EEUU, afectando particularmente a zona de Chicago. Na Voz de Galicia recóllese hoxe esta coincidencia xunto con chuvias extremas en África.

Indo por partes, a zona de Queensland atópase entre os 10 e os 30ºS aproximadamente, polo que estaríamos falando dun área tropical e polo tanto afectada polo fenómeno dos ciclóns tropicais, ó igual que no hemisferio norte suceden no Caribe ou no Pacífico norte nas áreas simétricas a esa zona de Australia.  Na seguinte figura podedes ver as traxectorias de tódolos ciclóns tropicais no período 1985-2005 onde se aprecia unha boa cantidade deles que tocaron o norte de Australia.

800px-global_tropical_cyclone_tracks-edit2.jpg

Polo tanto quizá o máis salientable neste caso sexa a intensidade, que era a máxima na escala Saffir-Simpson e o feito de que tocase áreas que xa estiveran afectadas polas inundacións de semanas anteriores. En realidade non é un efecto da mala sorte que coincidan dous fenómenos tan destructivos na mesta zoma, senon que ambos están influídos polas altas temperaturas da superficie do mar provocadas polo fenómeno de ‘La Niña’, que como sabedes e o contrario de ‘El Niño’, é dicir, as augas de Perú están máis frías do habitual e as de Australia máis quentes.

En canto a tormenta de neve de Chicago que noutras partes chegou na forma non menos dañina de tormenta de xeo pódese considerar como a terceira tormenta de neve máis forte na historia de Chicago, segundo o blog do meteorologo Jeff Masters que ten feito un seguimento da situación. O máis chamativo nestes casos e a virulencia do fenómeno, posto  que a práctica totalidade dos 52 cm que se acumularon na tormenta o fixeron en pocas horas durante a tarde. As temperaturas mínimas estiveron na seguinte noite por debaixo dos -20ºC e a sensación de frío era moi extrema porque os ventos racheados chegaron a superar os 80 km/k.  Outra peculiaridade importante desta tormenta de xeo foi a súa extensión xeográfica, posto que 22 estados dos EEUU estiveron el alerta e recibiron moita neve ou chuvia enxeante. Deixovos unha foto que saco do blog de Jeff Masters para que vexades como o peor da tormenta colleu a moita xente tentando voltar a sú casa e tiveron que deixar os coches no medio da rúa.

lakeshoredrive2.jpg

A verdade é que cando vemos este tipo de fenómenos eu sempre penso que en realidade temos moita sorte de vivir en Galicia, xa que os nosos temporais non teñen nada que ver con estes fenómenos.

Que teñades unha boa fin de semana.

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Hemeroteca, Para saber máis. Garda o enlace permanente.