Chegan as altas presións a Galicia

Finalmente as altas presións foron subindo en latitude e xa na fin de semana comezamos a notar os seus efectos. De tódolos xeitos a presenza dunha profunda borrasca no Atlántico norte tamén se fixo notar, con ventos de compoñente sur e un sistema frontal que onte a partir de media tarde deixou chuvias, bastante cuantiosas en Pontevedra e A Coruña, e menos intensas en Lugo, quedando sen chuvia en xeral a provincia de Ourense.

Pero o significativo é que esta semana haberá un predominio da estabilidade, de xeito que a partir desta tarde agardamos ver o ceo azul e as temperaturas irán ascendendo. Acadaremos os valores máis altos da semana o mércores pola tarde. O xoves previsiblemente haberá un empeoramento, pero agardamos que sexa transitorio e o tempo estable se manteña tamén para a vindeira semana.

Na seguinte figura podedes ver a previsión da presión en superficie para o mércores ao mediodía.

Apréciase perfectamente que as borrascas do Atlántico seguen sendo profundas, 992 mb ao oeste de Irlanda, pero a cuña anticiclónica consigue protexer a Galicia. As cores representarían a temperatura do aire na columna. Podedes ver que o área de máis diferencias está algo máis ao norte da península Ibérica. Iso ten a súa importancia posto que por esa zona vai a corriente en chorro, que é a que move as borrascas.

Saúdos,

Juan Taboada

 

 

Esta entrada foi publicada en Prognóstico. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta