Cambio de tempo a partir do venres

Logo dalgunhas xornadas de tempo anticiclónico, a partir deste venres viviremos a chegada dunha masa de aire frío e húmido procedente do Atlántico norte. O período anticiclónico tivo un comezo relativamente frío, pero dende o pasado martes aos ceos despexados podémoslle engadir a chegada dunha masa de aire cálido. Isto deixou os primeiros rexistros superiores aos 30ºC en puntos de val do interior. Concretamente nos concellos de Arnoia e Leiro da provincia de Ourense e na parte sur do concello de Pantón. Pero este episodio rematará mañá xoves, con temperaturas que no interior serán aínda altas. O venres haberá un notable descenso nas temperaturas máximas, aumentarán as nubes e teremos as primeiras chuvias no terzo norte e na fin de semana estas chuvias serán intermitentes pero algo máis xeneralizadas.

A chegada desta masa ven propiciada pola formación dun corredor de isobaras ente o anticiclón que seguirá no Atlántico e unha borrasca estendida dende o Mediterráneo occidental ata Europa central e oriental, tal como se pode ver na figura anterior. Nesa figura apréciase tamén que a orixe da masa de aire atópase ao norte de Islandia, polo que podríamola clasificar como Aire Ártico Marítimo. Por tanto, á baixada de temperatura e os chuvascos previstos na fin de semana haberá que engadirlle intensos ventos do norte que deixarán unha sensación térmica por debaixo do que marquen os termómetros.

En fin, primavera en estado puro, con oscilacións bruscas entre un tempo que semella verán, pero puntuado cos derradeiros coletazos do inverno.

Saúdos,

Juan Taboada

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta