Continúa a variabilidade primaveral

Esta estación estase a comportar polo momento dun xeito bastante típico, é dicir, con variacións bastante bruscas entre os períodos inestables de borrasca e os máis estables de anticiclón. A pasada semana foi un reflexo moi claro, cuns primeiros días fríos e húmidos, rexistrándose incluso nevaradas por riba dos 1000 metros de altura, unha xornada de xoves de transición, con ceo despexado, pero aínda frío, e unha fin de semana de tempo seco, solleiro e con temperaturas elevadas.

Pois ben, esta semana preséntase moi semellante. Entre onte luns e mañá mércores viviremos baixo a influencia dunha borrasca. A diferencia da semana pasada son as temperaturas, xa que esta borrasca trouxo ventos de compoñente sur e polo tanto as temperaturas serán bastante suaves. Pero de novo o xoves entrará o anticiclón, e tamén comezará frío, con previsibles xeadas en zonas de montaña e valores mínimos por debaixo dos 5ºC en vales do interior, pero a medida que se achegue a fin de semana continuaremos na influencia do anticiclón, de xeito que o ceo seguirá moi despexado, pero a masa de aire será máis cálida, polo que subirán as temperaturas e viviremos novamente unha fin de semana  de sol e por momentos temperaturas elevadas. Na seguinte imaxe podedes ver a previsión da masa de aire para o vindeiro domingo ao mediodía.

Pódese ver como a Galicia chegará unha masa de aire de orixe africana, aínda que bastante transformada, polo que as temperaturas non serán moi altas, pero si elevadas para a época do ano.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta