Como será o verán en Galicia?

A raíz da publicación dun artigo na web da Voz de Galicia e varias preguntas que nos fan en MeteoGalicia nas últimas semanas coido que é necesario facer un apuntamento sobre os prognósticos estacionais. Con carácter xeral a súa fiabilidade é relativamente baixa debido a que nas latitudes medias, onde se sitúa a península Ibérica, a dinámica da atmosfera é moi rápida e cambiante. Por outra banda en xeral a atmosfera ten unha natureza caótica, na que as variacións poden ser bruscas, e pequenos efectos poden dar lugar a cambios intensos. Nos lugares onde a dinámica da atmosfera é lento, como os trópicos, os océanos que teñen unha dinámica máis lenta e máis previsible, danlle unha certa predictabilidade a atmosfera. É por iso que fenómenos tales como El Niño por exemplo, sí poden ser previstos con certa anticicipación, pero iso non sucede nas latitudes medias.

Polo tanto o prognóstico do canal francés citado pola Voz de Galicia debe ser tomado con precaución. É verdade que a superficie do Atlántico está algo máis fría do habitual nestas datas fronte da costa europea, tal como se aprecia nesta imaxe de satélite:

Pero tendo en conta esta rápida dinámica da atmosfera nas nosas latitudes, estas baixas temperaturas non necesariamente terán un reflexo nas temperaturas da atmosfera, aínda que é certo que en todo caso non axudarán a que teñamos altas temperaturas.

Eu acabo de consultar tamén os prognósticos da oficina meteorolóxica inglesa e van na mesma liña que os franceses.

Podedes ver na figura inferior, que as probabilidades de ter temperaturas por debaixo do normal nos meses de Xuño, Xullo e Agosto están entre o 60 e o 80%.

De tódolos xeitos recordade que a fiabilidade non é moi alta, que o clima é como un crebacabezas no que tódalas pezas contan é que podemos ter aínda sorpresas. Haberá que seguir un pouco a evolución da atmosfera nos seguintes 15 días.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta