Primavera fría

Esta semana vivimos en Galicia un episodio de tempo invernal, principalmente o martes e o mércores, con chuvias xeneralizadas e unha importante baixada de temperatura que deixou incluso neve nas áreas de montaña de Lugo e Ourense. Os datos preliminares indican que o mes de maio foi o máis frío en Galicia dende 1984, e que non temos moitos precedentes dende 1961. Así que será un dos meses de Maio máis fríos dos derradeiros 50 anos. Se tomamos o trimestre Marzo-Abril-Maio a situación non é tan chamativa, dado que nos anos 70 tivemos primaveras máis frías que esta. Pero de tódolos xeitos o precedente máis cercano o temos no ano 1986, de xeito que sería a primavera máis fría dos derradeiros 25 anos.

Na seguinte figura podemos ver as anomalías de temperatura en media para toda Galicia dende 1961.

Vemos como nos anos 70 e tamén na primeira metade dos 80 tivemos primaveras moi semellantes a esta, pero por mor do cambio climático os derradeiros 25 anos tivemos primaveras máis cálidas.

A razón desta anomalía en particular atopámola no feito de que en marzo tivemos varias incursións de aire frío e húmido, ocasionando incluso algunhas alertas de neve. Abril foi bastante normal, incluso con unha segunda quincena cálida, pero maio tivo temperaturas bastante máis baixas cá media. O problema de Maio foi que a presenza de aire frío nas capas medias e altas da atmosfera ao norte da península Ibérica non permitiu que o anticiclón se instalase nesa zona. É precisamente cando está situado nesa área cando nos envía aire cálido e as temperaturas poden ascender con forza. Unha posible razón desta anomalía fría pode ser a anómala circulación ocasionada polo intenso desxeo no Ártico a finais do verán, tal como comentamos xa nunha anterior entrada.

Por último dicir que os prognósticos indica que as altas presións si se localizarán sobre as illas Británicas a partir do domingo, polo que no comezo da vindeira semana teremos sol e por fin chegarán as altas temperaturas a Galicia. Superaremos os 30ºC en puntos do interior e os 25ºC en xeral.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

 

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta