A fábrica das borrascas

Tal como comentabamos na anterior entrada, a ‘fábrica’ das borrascas que nos afectan neste inverno sitúase na costa leste de Norteamérica.

Tal como se pode apreciar na imaxe, temos unha corrente, coñecida como corrente en chorro (jet stream en inglés) que separa as masas de aire polar e subtropical e que move esas borrascas. Este inverno, debido ao desprazamento de aire moi frío cara ao leste de Canadá e os EEUU, o contraste destas masas de aire foi superior ao normal, xa que a masa de aire frío estaba máis fría do normal por ese desprazamento. Pero é que ademáis o Atlántico subtropical está tamén algo máis quente do normal, polo que a masa de aire cálido ten tamén unha temperatura superior á normal nesta época do ano. Como temos moita diferencia de temperatura a enerxía que poden extraer as borrascas e máis alta e isto fai que se profunden moi rápidamente. Se unha borrasca perde máis de 20-24 mb en 24 horas pódese dicir que ten un desenvolvemento explosivo e isto está pasando nesa zona con moita frecuencia neste inverno.
Polo tanto temos un primeiro ingrediente explicado. Sabemos onde se forman as borrascas (costa leste dos EEUU) e porque se afondan moi rápido (moita diferencia de temperatura entre as masas de orixe polar e as de orixe subtropical). Agora quédanos por saber porqué nos están afectando tan de cheo. Para iso é necesario ter en conta a traxectoria da corrente en chorro. Este ano está sendo moi zonal, é dicir, está seguindo os paralelos e iso fai que as borrascas se movan rápidamente cara a parte oriental do Atlántico, que é onde nós vivimos. Polo tanto completamos a explicación. Xa sabemos onde se forman as borrascas, porqué se  con tanta rápidez e porqué afectan a Galicia e tamén ao Reino Unido con tanta forza.
De tódolos xeitos a meteoroloxía e o clima son auténticos crebacabezas e cada resposta nos leva a unha nova pregunta. Neste caso teríamos que preguntarnos porqué esas olas de frío no leste de Norteamérica e porqué a corrente en chorro está tan zonal no Atlántico. O deixo para a seguinte entrada, pero veremos que compre buscar na estratosfera e nas augas do Pacífico, ben lonxe polo tanto de Galicia.
Para rematar esta entrada sabede que mañá venres chegará outra borrasca, que tivo un desenvolvemento explosivo durante a xornada de hoxe xoves, perdendo máis de 40 mb en 24 horas. A nos afectaranos como borrasca madura, pero con 955 mb e situada no entorno de Irlanda, deixará un temporal de vento, con refachos superiores aos 100 km/h en moitos puntos de Galicia principalmente durante a mañá. As chuvias serán significativas sobre todo pola tarde, así que tede coidado.
Saúdos,
Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.