Cambio de tempo para a vindeira semana

Esta fin de semana gozamos dun tempo anticiclónico en toda Galicia, aínda que hoxe o achegamento dun sistema frontal pouco activo deixará nubes e incluso algunha chuvia feble no norte da Coruña e na Mariña de Lugo. Mañá e o luns o anticiclón xa estenderá a súa influencia a toda a Comunidade polo que gozaremos de tempo seco e soleado. Ademáis as temperaturas tenderán a ascender a partir de mañá. Este anticiclón que comezaba na xornada de onte está deixando temperaturas baixas, principalmente durante as noites, pola combinación de aire frío na columna atmosférica, ceo despexado na madrugada e vento en calma. Tanto na madrugada de onte como na de hoxe rexistráronse incluso algunhas xeadas. Isto xa non sucederá nin mañá nin o luns.

Pero seguimos con este tempo típicamente primaveral e o martes comezaremos a notar os síntomas dun cambio que se manifestará xa completamente o mércores, e amaeza con deixar un Día das Letras Galegas un tanto desapracible. Na imaxe seguinte podedes ver o prognóstico para o vindeiro mércores ao mediodía.

Apréciase a borrasca situada sobre Irlanda e o aire frío nas capas medias e altas da atmosfera en cores verdes. Vemos que Galicia estará xa no seu radio de acción polo que a inestabilidade e as consecuentes chuvias son caseque inevitables con esta situación.  Esta borrasca formarase nos días anteriores sobre Islandia e por iso traerá tanto aire frío, de xeito que tamén as temperaturas serán baixas, poidendo incluso reaparecer a neve nas cotas máis altas de Galicia. A previsión é que nos seguintes días continúe afectándonos, aínda que estando en primavera, os prognósticos a medio prazo non son moi fiables, polo que habeŕa que seguir as informacións do tempo durante a vindeira semana.

Saúdos,

Juan Taboada

MeteoGalicia

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario